Os equipos de Dinamización Lingüística e Biblioteca decidimos este ano
conmemorar o 8 de marzo organizando unha gran exposición das mulleres que son
referentes das nosas vidas. Todos os
alumnos colaboraron cunha fotografía e un sinxelo texto nesta mostra que se
pode ver estes días no patio. Sirva como homenaxe e recoñecemento a todas elas
este manifesto que leron os alumnos no acto do patio ese mesmo día:
Ogallá non tiveramos que
recordar nada este día, ogallá non houbera pancartas nin berros nas rúas,
ogallá non houbera desprezo, discriminación ou violencia por cuestión de
xénero. Ogallá non houbera 8 de marzo
porque iso significaría que homes e mulleres somos iguais, nunca mellores,
I-GUAIS. Pero a realidade é que as mulleres de todo o mundo seguen en loita
contra os patróns machistas no traballo, na rúa e na casa.
Este ano, hoxe, decidimos
mirar ao noso carón. Esta exposición que vedes no patio é a nosa homenaxe ás
mulleres das nosas vidas. Non saen nas portadas nin lles dan titulares pero se
merecen o mellor dos premios.
Dedicámosllo a:
-Ás nosas nais:
As veces esquecémonos de que
no son só nais. Si, preocúpanse por nós e dannos todo o mellor. Pero tamén son
mulleres, mulleres que pelexan día a día por realizarse profesionalmente,
independentes, que cobran menos e traballan máis, cuxa dignidade está por
enriba de todo.
-Ás nosas avoas e bisavoas
que o tiveron máis difícil, que estiveron á sombra e foron invisibles, que
atoparon barreiras e portas pechadas, que non puideron protestar. Sempre
valentes abríronnos o camiño.
-Ás nosas compañeiras, que
buscan un mundo máis aberto, máis tolerante, cheo de oportunidades no que se desterre
o insulto, no que se venzan os medos, no que ninguén che faga sentir inferior.
-Ás nosas tías, adestradoras,
profesoras, amigas, a todas esas mulleres que nos inspiran.
-Ás nosas alumnas e alumnos porque
a desigualdade é inaceptable, porque a educación, a boa educación é a base desta
revolución. Porque estamos convencidos de que a igualdade se conseguirá dende
as aulas.
Esa será a nosa misión.
E a túa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario